LXXIX Paseo pola natureza: As Fragas do Eume

Tg Carrusel Cabecera Grande
  • Percorrido: Camiñaremos polas Fragas do Eume
  • Data: Sábado 2 de xullo de 2016
  • Saída: Ás 08,30 horas dende o Colexio de Avogados.
  • Distancia: Para facilitar o camiño, haberá dous roteiros: un de 14 e outro de 7 quilómetros, sen dificultade ningún dos dous.

Este paseo de fin de ano rematará cun xantar, aínda sen precisar porque depende do número de asistentes; en todo caso, o prezo estará en torno aos 15 €. Daquela, cómpre anotarse no Colexio de Avogados antes das 14,00 horas do día 30 de xuño.

Esta andaina está organizada conxuntamente co Colexio de Avogados de Ferrol, sendo eles quen farán de anfitrións. Voltaremos ás Fragas do Eume, nas que xa estivéramos fai máis de dez anos. Encetaremos o camiñar no encoro do Eume para descender polo canón do río ata o Mosteiro de Caaveiro, onde poderemos enxergar unhas engaiolantes vistas do Parque Natural. Despois, iremos por un sendeiro que ás veces está escavado na propia roca e noutras é a antiga canle que levaba a auga á central eléctrica. Tamén iremos á minicentral do Parrote, continuando o camiño á beira do río pola senda de pescadores.

O paseo irá baixo bosques de castiñeiros, carballos, acivros, loureiros, salgueiros, érbedos e freixos, así como fentos ou liques, o que contribúe a crear un ambiente máxico. E poderemos visitar o mítico mosteiro de Caaveiro.

Non hai grandes desniveis no camiño e non existe unha dificultade, polo que é axeitado para que calquera poida vir e achegarse xunto cos compañeiros de Ferrol.

O xantar aínda está sen determinar, posto que vai depender do número de asistentes para coñecer o lugar no que poderemos estar todos. En principio será na Cantina do Eume, e senón será en Cabanas preto da mar; lugar no que quen queira poderá mergullarse e darse un baño.

Guía do paseo: Carmen Fernández.